Sunday 22 de September de 2024

O pleno de Ordes acorda o apoio unánime á postura da Fegamp para manter os Rexistros Civís no ámbito municipal


Manuel Regos tamén informou dos informes da liquidación 2014, que amosan un resultado orzamentario positivo por un importe de 187.600 € e unha diminución da débeda

O pleno que tivo lugar en Ordes, o cal ararncou cun minuto de silencio en memoria dos falicidos tras o accidente aéreo nos alpes franceses, o alcalde de Ordes ofreceu os datos positivos da liquidación 2014. Uns resultados que novamente poñen de manifesto o cumprimento do Concello coa regra de gasto e cos requisitos esixidos pola Lei de Estabilidade Orzamentaria. Este é o caso do resultado orzamentario por un importe superior aos 187.600 €, o remanente líquido de 1.213.600 €, ou a estabilidade orzamentaria con capacidade de financiamento de 1.126.000 €. Así pódese falar dunha diminución da débeda municipal do 80% dos ingresos correntes liquidados ao case 67%, reducíndose en total en preto de 1.143.500 €.
Na sesión tamén se acordou renovar o contrato de xestión da empresa que realiza os traballos na residencia municipal de maiores durante un período de 5 anos. “Todos os traballadores e traballadoras que desenvolven o seu labor están debidamente cualificados, cumpríndose coas ratios esixidas pola lei segundo a Xunta de Galicia. O Concello coñece a xestión que se fai deste servizo debido ao contacto e ás xuntanzas periódicas que se manteñen coa dirección do centro” manifestou a voceira do goberno local, Silvia Marín. Actualmente as 49 prazas que se ofrecen están cubertas, contando cun cadro de persoal composto por unha directora, quince xerocultoras, unha fisioterapeuta, dúas cociñeiras, unha enfermeira, unha animadora e un médico.
Na votación o goberno local contou co apoio de CIdGA, absténdose o PP e votando en contra tanto BNG como PSOE. Segundo palabras de Xesús Pedreira “as instalacións deberían estar fóra do núcleo urbano e a concesión debería ser por un período inferior de tempo”. Pola súa banda o BNG amosou a súa desconformidade cunha xestión que cualificou de “deficiente” e demandou a “titularidade pública” para servizos deste tipo.
Na sesión de tamén se aprobou por unanimidade a adhesión á postura formulada no día de onte pola Fegamp sobre o mantemento dos servizos e funcións rexistrais civís no ámbito municipal. Para iso encoméndase a dita actividade aos Xulgados de Paz, sen prexuízo de considerar a colaboración municipal para aqueles municipios que non os teñan no seu ámbito territorial, co financiamento establecido na Lei 27/2013 de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local.
A dita medida foi acordada a colación dunha moción presentada polo PSOE en oposición ao traspaso deste trámite aos Rexistros Mercantís. Contou co apoio de todas as forzas políticas. Todos coincidiron na importancia que o Rexistro Mercantil ten na vila de Ordes por ser “xerador de riqueza” e polos prexuízos que a súa supresión causaría para os residentes nas zonas rurais da comarca, sobre todo para os de máis idade.
Tamén prosperou a outra moción presentada polos socialistas na que se demandaban medidas para solicitar a redución das comisións bancarias cobradas aos pensionistas retornados de Venezuela.Todo iso despois de que se aceptara a emenda formulada polo PP, na que se requiría que o trámite deste acordo se realice a través das autoridades do goberno nacional e non da Consellería de Presidencia da Xunta como se estipulaba no texto orixinario. Agás CIdGA, que se abstivo seguindo a súa postura de non participar en debates nos que o Concello non teña competencia directa, todas as demais forzas políticas emitiron o seu voto favorable.